Thursday 02 de May de 2024

Padrón inaugura unha exposición fotográfica para dar visibilidade ás mulleres LGTBI


A mostra exhibirase nas rúas do centro de Padrón a partir do venres 18 de xuño

O Concello de Padrón inaugura o venres 18 de xuño unha nova exposición fotográfica na rúa, ‘A rede visible’, que organiza o CIM de Padrón con motivo da celebración do Día Internacional polos dereitos do colectivo LGTBI, o vindeiro 28 de xuño. A exposición componse de 16 paneis verticais de vinilo con imaxes de mulleres galegas reais. A mostra articulase co obxectivo de dar visibilidade ás mulleres bisexuais, lesbianas ou trans. As mulleres desta exposición amosan con orgullo a súa diversidade e a súa vida en tódolos eidos alén dos prexuízos ou das expectativas alleas.

Segundo denuncian dende a Asociación Les Coruña, promotora desta mostra, “as mulleres LBT seguen a sufrir todo tipo de vexacións, rexeitamentos, acoso e discriminacións familiares, escolares e profesionais”.

A concelleira de Igualdade, Lorena Couso, defende “a necesidade de que as institucións contribuamos a dar visibilidade á diversidade existente na nosa sociedade para que ningunha persoa sexa obxecto de discriminación pola súa expresión de xénero, identidade ou orientación sexual”.

Campaña ‘Libertade de ser e sentir’
Ademais o Concello de Padrón adheriuse á campaña ‘Liberdade de ser e sentir!’ promovida pola Deputación da Coruña con motivo da conmemoración do 28 de xuño. Trátase dunha iniciativa mediante a que se propoñen distintas actividades en liña coma contacontos, recursos educativos e didácticos, vídeos, un xogo didáctico interactivo, conversas e a xornada ‘A memoria diversa’ os vindeiros 18 e 19 de xuño.